Actualidade > Novas > noticia-detalle

A Deputación impulsa a apertura de Finca Mouriscade con visitas escolares e veciñais, e fortalecerá a presenza en eventos sectoriais con stands propios

09 de xuño de 2022

A Deputación impulsa a apertura de Finca Mouriscade con visitas escolares e veciñais,  e fortalecerá a presenza en eventos sectoriais con stands propios

A Deputación de Pontevedra reforzará a apertura de Finca Mouriscade á cidadanía e as comunidade educativa e investigadora dentro do proceso de consolidación do centro como referente da investigación agrogandeira a nivel internacional, e incrementará ademais a presenza nos eventos sectoriais para informar ás gandeiras e gandeiros da súa actividade e servizos. A presidenta da institución, Carmela Silva, deu conta esta mañá na reunión telemática co comité de alcaldes e alcaldesas da comarca de todos os avances acometidos na Finca, que entre outros logros vén de situarse entre as 25 mellores ganderías a nivel nacional, e anunciou o impulso ás visitas guiadas regulares ao centro. "Tralo parón pola pandemia abriremos ás portas á cidadanía e á comunidade educativa", explicou, para anunciar que en outubro porase en marcha un programa de visitas de centros universitarios, alumnado de Formación Profesional, colexios e colectivos veciñais. A presidenta adiantou tamén que a Deputación intensificará a participación de Mouriscade en feiras e outros eventos sectoriais. "Estaremos  presentes con "stands" propios, e a estrea será xa en Feiradeza", anticipou.

Carmela Silva ofreceu aos alcaldes e alcaldesas solicitar visitas veciñais baixo demanda. "Queremos que os concellos e a cidadanía participen  para dar a coñecer o centro á poboación das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes", expúxolles, para destacar tamén o potencial educativo de Mouriscade. "É importante que o alumnado coñeza a gandería, que respecte o benestar animal e que as novas xeracións se interesen por esta actividade tan importante como unha posibilidade de futuro e un medio de vida", comentou, para avanzar que a Deputación xa está a preparar material didáctico impreso e en vídeo para o programa escolar. Respecto á presenza en feiras a responsable provincial manifestou que "é fundamental estar nos eventos sectoriais e hai que facer todo o esforzo para chegar ás gandeiras e gandeiros".

A presidenta lembrou que a Finca xa recibiu visitas de gandeiras e gandeiros, técnicas e técnicos de nutrición animal, o comité técnico da asociación de fabricantes de piensos AGAFAC e participantes de diferentes cursos de formación, pero agora quere dar un novo impulso coas visitas regulares. Sobre a apertura e difusión da actividade que se realiza en Mouriscade lembrou que está tamén rematado o Plan de Comunicación, que recolle unha batería de accións para dar a coñecer o traballo e servizos que se prestan na Finca, integrándoa na axenda provincial, establecendo unha programación estable de actos, impulsando a divulgación en publicacións científicas e outros medios especializados, e aproveitando a oportunidade que brinda a efeméride do 50º aniversario da finca en 2023.

O comité, no que había representación de Lalín, Silleda, A Estrada, Vila de Cruces, Rodeiro e Forcarei, mostrou boa sintonía co rumbo de Mouriscade e con todas as medidas que está a tomar a Deputación, e saudou positivamente esta apertura á cidadanía e o traballo co sector. O rexedor silledense, Manuel Cuíña, xa avanzou que o concello plantexará visitas veciñais ao centro e considerou importante informar ás e aos gandeiros dos servizos que presta Mouriscade, mentras que o lalinense Xosé Crespo agradeceu a colaboración da Deputación con Feiradeza e ve moi positivo "todo o esforzo" en Mouriscade, para o sector e tamén como aposta polo rural.

Resultados "históricos" no programa de transferencia embrionaria

Carmela Silva fixo balance ante o comité das accións en Finca Mouriscade e explicou que o programa de transferencia xenética está a acadar "uns resultados históricos grazas á nosa aposta pola excelencia". Así, lembrou que o centro escalou dez postos en seis meses no ranking de mellores ganderías e está xa entre as 25 mellores do Estado, logrou ademais situar dúas reses no top 100 nacional por ICO e cinco máis entre as mil primeiras, e unha das súas becerras está entre as cen mellores de Italia. Desde a Finca, ademais, enviouse á empresa Xenética Fontao unha mostra dun exemplar para realizar probas xenómicas e "alcanzou valores moi positivos", indicou a presidenta na reunión, co que a firma está interesada en adquirilo. Estes resultados certifican "a boa dirección" do traballo que se está a realizar, segundo destacou a responsable provincial.

"O alto nivel xenético que estamos a acadar porase a disposición das e dos gandeiros a través da implantación de embrións de alta calidade xenética" explicou Carmela Silva, quen recordou que a Deputación mercou un laboratorio móbil que "vai permitir unha mellora importantísima nesta labor". Outra vía de acceso a esta mellora, informou ao comité, realizarase a través da venda de exemplares en idade reprodutiva. "Estamos a contribuír con este proceso a mellorar a calidade das cabanas gandeiras da provincia", salientou.

Novas adquisicións de embrións

A presidenta informou tamén de que Mouriscade fai seguimento das tenreiras nacidas con mostras testadas en España, Italia, EE UU e Canadá, e sinalou que este ano seguirá a compra de embrións cunha partida de 45.000 euros. "Farémolo ademais cun sistema dinámico de contratación pioneiro nesta administración que nos permitirá dispor do material xenético en tempo real, o que aumenta as perspectivas de éxito na implantación", anotou.

Carmela Silva tamén deu conta ante o comité de que os controis serolóxicos e medidas de bioseguridade certifican a boa saúde de todas as cabezas co "máximo estatus sanitario", e informou das medidas implementadas para o benestar animal, desde obras e equipamento a cursos de formación para o persoal.  Por outra banda, adiantou que no mes de xullo renovaranse os acordos coas multinacionais Evonik e Dairy  One, que converteron o laboratorio da finca no "único de Europa capaz de ofrecer un servizo de analíticas tipo NIR con novos parámetros exclusivos tanto para gando vacún como para avicultura e porcino".

Carmela Silva explicou tamén que se investiu en obras e equipos por valor de 340.000 euros e engadiu que a Finca ven de renovar o selo de calidade ENAC, ademais de integrarse no sistema de xestión ambiental do Pazo Provincial, que conta co selo de calidade ISO 14001. A presidenta, ao igual que o comité, felicitou ao equipo de Mouriscade por todos os avances.

Dixitalización de recursos

Por outra banda, a presidenta avanzou que a Deputación traballa na dixitalización dos recursos do laboratorio e da finca. Así, detallou que estase a preparar unha modificación da web para incorporar táboas de nutrición con datos históricos que ofrecerán máis información a empresas de alimentación animal e ás e aos gandeiros. Tamén se está a elaborar un procedemento na web para a venta de embrións que se obteñan das novas reses a fin de que se poda acceder á compra "con transparencia e igualdade". Carmela Silva recordou ademais que a institución provincial lanzou unha aplicación para dispositivos móbiles que permite consultar en calquera momento os certificados de análise emitidos polo laboratorio.

Finalmente, a responsable provincial explicou ao comité que a Deputación está a traballar "nun potente proxecto da man de  ENERGYLAB, que nos permitirá analizar os datos da nosa  planta de puríns". A través desta iniciativa determinase o aforro enerxético da explotación de Mouriscade  para poder extrapolar os  datos ás  explotacións da provincia e analizar así novas oportunidades de mellora na eficiencia enerxética.