Actualidade > Novas > noticia-detalle

Eva Vilaverde. "Despois de 17 anos era unha necesidade imperiosa renovar a web de Mouriscade para dar un servizo máis operativo e funcional"

24 de agosto de 2017

Despois de 17 anos, Finca Mouriscade conta cunha web renovada. Presentouna esta mañá a deputada provincial, Eva Vilaverde, no salón de actos do laboratorio, acompañada pola xefa de servizo, María Hermida, e polo responsable de portais web da Deputación de Pontevedra, Rubén Gómez. "Trátase dunha web operativa, funcional, accesible e intuitiva" afirmou a deputada provincial. Eva Vilaverde salientou, sobre todo, que a nova páxina web permitirá que os clientes do servizo do laboratorio poidan recibir os resultados das análises con maior rapidez. "Garantir maior rapidez para as empresas hoxe en día non é baladí, porque a rapidez para recibir resultados de análises de pensos e de alimentos cando se trata de introducir novas liñas de mercado ou cando entran no país alimentos e hai que analizar temas como pragas e corentenas, é obvio que a prontitude no acceso a eses resultados é fundamental" asegurou Eva Vilaverde.

Os clientes manterán o seu acceso privado para a área de "consulta de resultados", aos que tamén poderán acceder a través de dispositivos móbiles. "Outra novidade importante é a versión para móbil e para tableta, porque non podemos esquecer que hoxe en día moito traballo se realiza desde este tipo de dispositivos, o que mellora a nosa capacidade de resposta" sinalou a deputada delegada de Finca Mouriscade. Neste sentido, a deputada tamén lembrou que o laboratorio de Finca Mouriscade superou as 85.500 mostras recibidas para análise durante o pasado ano e que a día de hoxe e desde o 1 de xaneiro de 2017 xa se recibiron preto de 52.000 mostras. Vilaverde sinalou que neste sentido "é unha satisfacción dispoñer dunha páxina web máis operativa, porque sigue no camiño de mellorar o servizo que se fai desde a propia finca e chegar mellor ao sector, permitindo que as persoas usuarias accedan máis rápido e teñan un recurso doado de utilizar".

Eva Vilaverde cualificou esta renovación como "unha necesidade imperiosa, porque a web de Finca Mouriscade é unha das máis visitadas da Deputación, só por detrás da páxina principal da institución e da do centro de investigación de Areeiro". Hai que lembrar que a páxina web da Finca Mouriscade fora unha das primeiras que se creara no ente provincial, no ano 2001, e que desde entón non se renovara. Neste sentido, Eva Vilaverde tamén afirmou que "necesitaba un cambio de cara en todos os sentidos, e conseguimos tamén unha estética actual e ao mesmo tempo sinxela, o que a fai intuitiva e doada de utilizar, porque ese era unha das característica que queiramos destacar, que fose moi operativa e funcional para as persoas que utilizan os nosos servizos".

Por último, a deputada delegada de Finca Mouriscade tamén fixo fincapé nos idiomas nos que se poderá acceder á páxina. Se ben neste momento está operativa nos idiomas galego e español, nas vindeiras semanas habilitarase tamén o inglés e o portugués, atendendo aos clientes de fóra do país, e nomeadamente aos do norte de Portugal. A esta nova páxina xa se pode acceder a través do enderezo mouriscade.depo.es e ao longo dos vindeiros meses iranse implementando novos contidos e servizos, a maiores dos relativos ao laboratorio.