Actualidade > Novas > noticia-detalle

Eva Vilaverde: "na Deputación sempre confiamos no traballo técnico do responsable da gandaría de Mouriscade"

04 de xaneiro de 2018

"O que se está poñendo en cuestión é o traballo técnico do responsable da gandaría de Finca Mouriscade, que é algo que desde o Goberno da Deputación nunca nos formulamos" asegura Eva Vilaverde ao fío das críticas do PP provincial sobre a evolución da puntuación xenética das vacas de Mouriscade nas listas de Conafe. A deputada delegada da finca quere saír na defensa de todo o equipo técnico e lamenta que "uns meros intereses partidarios estean dando unha visión tan negativa a nivel social e botando por terra o traballo e o esforzo de todo un equipo técnico".

Eva Vilaverde asegura que "a puntuación dunha gandaría non é só unha cuestión de orzamento pero certo é que desde que estamos no Goberno provincial sempre incrementamos a partida orzamentaria destinada a Mouriscade". Como exemplo cita que "no ano 2014 o orzamento era de 1.752.192 euros mentres que no 2017 investimos 1.812.543, e para o 2018 contemplamos un total de 1.828.633 euros". Ademais, a deputada nacionalista fai referencia a que os resultados do laboratorio –a outra das liñas de traballo de Mouriscade– tamén se foron incrementando exponencialmente ao longo dos últimos exercicios. Vilaverde asegura que "no PP son perfectamente coñecedores destes datos, polo que se non é unha cuestión de orzamento, debo entender que están poñendo en cuestión o traballo técnico, o que ademais de ser unha falta de respecto inadmisible é unha irresponsabilidade". Lamenta ademais "que fagan ese uso partidista nun sector sempre tan sensible e tan maltratado  como é o sector gandeiro".

Eva Vilaverde asegura ser perfectamente coñecedora das flutuacións da puntuación da gandaría de Mouriscade nos últimos anos e manifesta confiar no equipo da Finca para recuperar os postos perdidos. A este respecto afirma que "non é un traballo que dea resultados dun día para outro, igual que a baixada que agora se está visibilizando é resultado dunha situación anterior ao noso Goberno, o traballo que agora se fai terá resultados en anos vindeiros".