Actualidade > Novas > noticia-detalle

Eva Vilaverde: "Traballamos co obxectivo fundamental de mellorar a rendibilidade das explotacións lácteas da provincia"

25 de abril de 2017

Desenvolver a avaliación xenómica de eficiencia enerxética na raza frisoa a través de ensaios en xovencas e vacas do rabaño de Finca Mouriscade é o obxecto do acordo de colaboración que acaban de asinar a Deputación e a Confederación de Asociaciones de Frisona Española (CONAFE). Así o anunciaron esta mañá a deputada delegada de Mouriscade, Eva Vilaverde, e a xefa de servizo, María Hermida, no transcurso da xornada técnica "Xenómica e podoloxía", que tivo lugar esta mañá nas instalacións do laboratorio en colaboración coa CONAFE. "A ninguén se lle escapa  que a estas alturas o xenotipado do gando xoga un papel imprescindible para traballar na mellora e aumento da súa produtividade e, polo tanto, na rendibilidade das explotacións", indicou Eva Vilaverde durante a súa intervención. A deputada fixo fincapé en que "froito da demanda do propio sector xorde o convenio coa CONAFE para aproveitar mutuamente a información dos ensaios que se van realizar na gandaría de Mouriscade e a avaliación xenómica de eficiencia enerxética".

Mediante o acordo asinado entre o ente provincial e a confederación no ámbito estatal, realizaranse 4 ensaios ao ano, de 12 semanas de duración cada un, para estudar a capacidade de inxesta de cada animal. Estes ensaios inclúen, entre outra información, datos sobre o consumo diario de cada animal, a produción diaria de leite, ademais da porcentaxe de graxa, proteína e lactosa semanal. Ademais, a CONAFE asumirá o custo da instalación do software e das ferramentas cornadizas necesarias e comprométese a xenotipar os animais obxecto dos ensaios e a realizar a súa avaliación xenómica.

A xornada "Xenómica e podoloxía", á que asistiron medio cento de gandeiros da comarca de Deza e Tabeirós-Terra de Montes e doutros lugares da provincia, incluíu no programa intervencións do equipo técnico da CONAFE e de SERAGRO, que abordaron relatorios ao redor das aplicacións prácticas do xenotipado nas explotacións e dos programas para mellorar a saúde podal e previr coxeiras nos animais. Dúas cuestións, en palabras de Eva Vilaverde, "de grande interese para as ganderías, posto que tratan o aumento da produtividade en base á investigación e aos avances en xenómica, e tamén un problema recorrente nas explotacións intensivas, como é a mellora da saúde podal nos animais".

Por último, a deputada invitou as persoas asistentes a que "nos trasladedes as vosas suxestións para implantar servizos e programas que realmente sexan útiles para o sector". E engadiu: "para nós este sector segue a ser estratéxico, termo que para esta administración non é un concepto oco, senón unha posición de reivindicación das persoas e das cooperativas que loitades pola nosa economía e polo desenvolvemento do rural".