Actualidade > Novas > noticia-detalle

Finca Mouriscade acolle durante dous días un curso de ecografía reprodutiva bovina

Desde o 13 de outubro de 2021 ata o 13 de outubro de 2021

A Finca Mouriscade, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acolle este xoves e venres un curso de ecografía reprodutiva bovina impartido por Giovani Gnemmi, recoñecido experto en patoloxías reprodutivas deste gando que ten participado en máis de 300 cursos e congresos en todo o mundo. O Consorcio Mercantil de Huesca (Humeco), empresa especializada en reprodución, sanidade animal, análise, hixiene e desinfección, organiza as xornadas formativas, que concentrarán a parte teórica o primeiro día e terán unha demostración práctica o venres.

Os e as participantes no curso recibirán formación sobre ecografía de sexado fetal, diagnóstico ecográfico de morte embrionaria, xemelgos, enfermidades na xestación e malformacións fetais, ademais de coñecementos sobre o funcionamento do Doppler en reprodución bovina. O experto que imparte o curso acumula unha longa traxectoria no asesoramento en granxas de Europa, América do Sur, China e Oriente Medio, e impartiu conferencias en numerosos congresos nacionais e internacionais, ademais de ser autor de dous atlas sobre ecografía reprodutiva bovina.

A Deputación de Pontevedra pon Finca Mouriscade a disposición das iniciativas formativas e divulgativas no obxectivo de difundir coñecemento e facilitar os contactos entre agrogandeiros/as, veterinarios/as, investigador/es, empresas especializadas e demais persoas e entidades do sector.

A institución provincial ten en marcha un Plan de Reactivación de Mouriscade con iniciativas en diferentes ámbitos. Unha das liñas céntrase nos obxectivos de reforzar a cooperación co sector para mellorar a súa competitividade e cooperar con entidades públicas e privadas coa finalidade de crear unha contorna de excelencia en ciencia e tecnoloxía. Nesta liña promoverá a celebración de xornadas, seminarios e cursos, a organización de actividades divulgativas, a colaboración con entidades de investigación e as visitas ao centro.

A Finca, situada no concello de Lalín, é un centro de referencia na investigación, análise e innovación agrogandeira en Galicia e o noroeste peninsular. No laboratorio analízanse 75.000 mostras cada ano e a súa actividade céntrase fundamentalmente na determinación dos principais parámetros nutricionais e microbiolóxicos das forraxes, ensilados, pensos e materias primas.

Mouriscade produce ademais embrións de alta calidade e transfire 400 ao ano a cabezas de gando de explotacións gandeiras de Pontevedra e Galicia para mellorar a base xenética da cabana da provincia.

A finca está clasificada como unha das 35 mellores ganderías de España por Índice Combinado (ICO), segundo o último informe da Confederación Nacional de Asociacións de Frisoa Española (Conafe). Nas instalacións contrólase de xeito constante a alimentación e a produción de leite do gando para fins de investigación.