Actualidade > Novas > noticia-detalle

Mouriscade logra situar sete reses entre as mellores do estado co seu plan xenético

20 de maio de 2022

Mouriscade  logra situar sete reses entre as  mellores do estado co seu plan xenético

A nova  xuntanza do comité de expertos e expertas, creado no marco do plan de dinamización de Mouriscade, ven de facer balance do programa  de mellora xenética que está a levar a cabo o centro da Deputación de Pontevedra, co que naceron ata o de agora 15 femias e outras sete están neste momento pendentes de parto, todas elas dun elevado valor xenético.

Os primeiros resultados de este programa poden cualificarse de históricos, xa que dúas das reses  da finca se teñen situado  entre as cen mellores de todo o Estado (nos postos 21 e 99 respectivamente) por índice ICO, e outras cinco no ranking dos 1.000 exemplares con máis alta puntuación. Ata o de agora Mouriscade carecía de reses en posicións tan elevadas.

A Finca logra tamén unha espectacular subida na última avaliación xenética das mellores explotacións por ICO e pasa a situarse no posto número 25 de todo o Estado, dez por riba da lista de xuño de 2021, o que acredita a boa dirección das accións emprendidas. Ademais, co fin de  diversificar a procedencia da xenética a incorporar á Finca, e abrirlle as e os gandeiros novas expectativas nas súas granxas, as tenreiras nacidas, estanse a testar non só a  España, senón tamén a  Italia, EE UU e Canadá, obténdose resultados asombrosos, entre os que pode destacar unha becerra situada entre as 100 mellores de toda Italia

Na xuntanza explicouse, ademais, que se está en condicións  de asegurar o máximo estatus sanitario, xa que se realizan controis serolóxicos a todo o efectivo da gandaría, concluíndo  que grazas as medidas de bioseguridade implementadas no centro,  o 100% dos animais son libres de enfermidades de control de ADS. Tamén se teñen posto en marcha novas medidas para mellorar aínda mais o benestar animal, con novas  melloras das instalacións, a compra de moderno equipamento para o seu coidade  e incluso formación específica para o persoal.

O alto nivel xenético das reses de Mouriscade poñerase a disposición das e dos gandeiros non so a través dos seus embrións, se non que tamén se  levaran a poxa de FEIRADEZA uns  20 exemplares de altisimo nivel xenético que,  estando aínda en idade reprodutiva e contando con todas as garantías sanitarias, servirán para mellorar as cabanas da provincia, que é o principal obxectivo que se fixou a Deputación no Plan de Dinamización do centro   

Neste ano 2022 realizaranse novas compras de embrións,  a través dun novo sistema dinámico de contratación co que poderase adquirir o mellor material xenético de xeito áxil e en tempo real, o que garante a calidade e aumenta as perspectivas de éxito na implantación para acadar preñeces. Tamén se ten comprada unha furgoneta que se transformará nun laboratorio móbil que garantirá unha mellora importantísima no traballo de  implantación dos embrións nas granxas da provincia. A dia de hoxe estase a espera do seu subministro.

Consolidar Mouriscade como centro agrogandeiro punteiro no Estado

A Deputación de Pontevedra segue a súa aposta en firme por relanzar Mouriscade  ao destinar este ano novos investimentos de ata 340.000 euros a obras, adquisición de equipos, servizos e compras de embrións.  Os fondos abarcan tamén unha ampla lista de actuacións, seguindo a folla de ruta marcada pola institución para mellorar as instalacións e dotalas de novos equipos e servizos.

Destináronse ademais fondos para o acceso ás bases de datos das multinacionais Evonik e Dairy One que permiten ampliar o catálogo de parámetros analizados no laboratorio da Finca, e adquiríronse equipos de medición, análise e un dixestor de microondas, así como un sistema de control automatizado de temperatura de equipos térmicos, entre outros investimentos.