Actualidade > Novas > noticia-detalle

Mouriscade realizará ensaios para a eficiencia alimentaria e saúde do vacún tralo acordo coa Confederación da Raza Frisoa Española

09 de abril de 2022

A Finca Mouriscade segue a intensificar a súa colaboración co sector gandeiro para a mellora xenética e de nutrición animal da cabana bovina. A Deputación de Pontevedra vén de asinar un convenio coa Confederación de Asociacións de Frisoa Española (Conafe) para avaliar a eficiencia alimentaria do vacún e tomar datos sobre saúde e benestar animal durante os vindeiros tres anos. Así, Mouriscade realizará ensaios no seu rabaño para proporcionar información sobre inxesta de vacas en muxido e tamén  de enfermidades de bovino de leite e parámetros de benestar, mentres que Conafe instalará sensores para o control, levará a cabo a avaliación xenómica de todo o rabaño e publicará artigos sobre os resultados obtidos.

O centro da Deputación, que monitoriza nas súas instalacións a alimentación, muxido e produción do seu rabaño, realizará en función do acordo doce ensaios con vacas en lactación e facilitará á confederación os datos individuais sobre consumo, produción de leite e porcentaxe de materia seca na ración, ademais dos resultados dos análises mensuais das racións. A información de benestar animal permitirá a Finca Mouriscade participar no proxecto de innovación de grupos GO_ISAB, dedicados á incorporación de datos para mellorar a saúde no sector bovino leiteiro español e a  Deputación poderá publicar tamén os resultados parciais ou finais dos ensaios.

Acordo para as mostraxes de materias primas nos portos

Ademais, a institución provincial renovará os contratos anuais con SANOR, sociedade constituída pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac), para a mostraxe de materias primas destinadas a alimentación animal que chegan a Galicia a través dos principais portos.

O persoal de Mouriscade levará a cabo, por unha banda, a mostraxe durante a descarga e nos almacéns dos portos co obxectivo de asegurar a trazabilidade en todo o proceso de control de calidade das materias primas importadas. Por outra, executará o plan analítico de SANOR, que prevé o exame dun total de 850 mostras de materias primas repartidas ao longo do ano para a determinación de parámetros nutricionais físico-químicos e microbiolóxicos. Os dous contratos asinados teñen un importe conxunto de 75.000 euros.

Agafac desenvolve a través de SANOR o programa de seguridade alimentaria Galis, o máis innovador de todo o Estado nesta materia. Galis conta na actualidade coa participación de 56 fabricantes de pensos en Galicia (o 94% da produción), dous fabricantes en Asturias e un en Cantabria. Tamén supón o 100% dos almacenistas portuarios galegos e o 85% das empresas importadoras de cereais para alimentación animal.

Servizos NIR de Mouriscade

O laboratorio de Mouriscade  continúa a mellorar os seus servizos de analítica para mostras de ensilaxes, forraxes, pensos e materias primas tralos dous importantes acordos asinados coas multinacionais Dairy One e Evonik. O primeiro posibilita analizar, mediante a técnica NIR, a gran maioría de ensilaxes e forraxes destinadas á alimentación de ruminantes. Ademais, emítense certificados cun aumento significativo de parámetros. En canto ao segundo permitiu poñer en marcha servizos deseñados para a caracterización dunha ampla gama de parámetros nutricionais en máis de 50 materias primas e alimentos para pitos de engorde, galiñas poñedeiras, pavos, porcos, camaróns e peixe.