null Noticia - A Deputación abre as portas da Finca Mouriscade á comunidade escolar e á cidadanía

A Deputación abre as portas da Finca Mouriscade á comunidade escolar e á cidadanía

Carmela Silva destacou a "capacidade innovadora e investigadora" dun centro agrogandeiro de referencia internacional e "fundamental para o sector primario no rural" da provincia de Pontevedra

07/10/2022

A Deputación de Pontevedra abrirá as portas da Finca Mouriscade á comunidade escolar e á cidadanía en xeral a partir do próximo martes, 11 de outubro, a través dunha iniciativa de visitas guiadas que se estenderá ata o mes de abril. Será un programa con visitas gratuítas, para as que se habilitarán autobuses desde diferentes puntos da provincia, e nas que poderán participar especialmente os centros educativos, máis tamén asociacións e outros colectivos en grupos de ata 35 persoas. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou a importancia de dar a coñecer este centro ao conxunto da cidadanía da provincia, a finca "máis innovadora e investigadora de Galicia e das mellores de España e Europa", que é "fundamental para o sector primario no rural" e se atopa, ademais, "nun lugar único".

As visitas desenvolveranse todos os martes, coa excepción dos días festivos, en dúas quendas: unha ás 10.00 e a segunda ás 12.00 horas. Terán unha duración aproximada de una hora e trinta minutos e estarán guiadas por unha persoa experta do centro. Para poder realizalas as e os interesados deberán cumprimentar un formulario que xa se atopa dispoñible no sitio web da Finca Mouriscade cunha antelación de 72 horas.

Na ruta guiada polo centro investigador agrogandeiro, as e os visitantes poderán coñecer a labor que realizan as e os máis de 30 profesionais de distintas áreas que buscan mellorar o coidado, a nutrición, a saúde e a produción de leite dos animais. Para iso, visitaran o laboratorio que, en palabras de Carmela Silva, conta con "especialistas e medios de última xeración", para coñecer a calidade dos alimentos do gando e como se traballa para previr enfermidades ou na análise de auga e xermes. Ademais, poderán coñecer a granxa, na que se traballa na mellora xenética do gando a través da transferencia embrionaria, que permite que nazan "tenreiras dos mellores exemplares, de tal forma que os gandeiros e as gandeiras poidan ter animais máis saudables e produtivos". Por último visitarán as 44 hectáreas de terras de cultivo coas que conta a Finca, dedicadas na súa maior parte a cultivos de millo e praderías, grazas ás que se poden realizar ensaios para mellorar a alimentación do gando e investigar sobre fertilizantes.

"A Finca Mouriscade é a gran descoñecida", subliñou a presidenta, que incidiu na importancia de que "as nenas e os nenos saiban da enorme capacidade innovadora e investigadora que temos na provincia e que coñezan un sector tan importante e que xera tanta actividade económica e emprego" como é o agrogandeiro. Ademais, lembrou que o centro investigador é "unha gran referencia" e o único en Europa que ofrece un servizo de analíticas tipo NIR, tanto para o gando vacún como para a avicultura e o porcino. "Traballamos non só con gandeiras e gandeiros da provincia e de Galicia, tamén do conxunto do Estado e incluso a nivel europeo".