null Noticia - A Deputación inviste máis de 245.000 euros en equipos e servizos no laboratorio da Finca Mouriscade para consolidalo como referencia agrogandeira

A Deputación inviste máis de 245.000 euros en equipos e servizos no laboratorio da Finca Mouriscade para consolidalo como referencia agrogandeira

Mellora as dotacións para a análise físico-química e microbiolóxica, axiliza o proceso para preparar as mostras e implementa novas aplicacións informáticas

19/02/2022

A Deputación sigue a folla de ruta trazada para consolidar Finca Mouriscade como centro agrogandeiro de referencia internacional. O investimento no laboratorio supera xa os 245.000 euros entre as melloras realizadas ao longo de 2021 e as previstas este ano. Equipos, acordos con multinacionais para acceder ás súas bases de datos e aumentar os parámetros das análises, novas aplicacións informáticas e ampliación de instalacións figuran entre as accións para a modernización e incorporación de máis medios á Finca.

O laboratorio de Microbioloxía dotouse con tres novas cámaras de incubación que melloran de forma substancial os procesos microbiolóxicos, e adquiriuse un equipo informático para axilizar os controis, acurtar o período de obtención de resultados e alcanzar unha fiabilidade máxima. No laboratorio de análise Físico-Química instalouse un equipo analizador de fibras e instaláronse campás extractoras e recirculadores de líquido refrixerantes para minimizar a exposición a axentes contaminantes, mentres que na área de preparación adquiríronse equipos que permitirán axilizar os procesos e asegurar a homoxeneidade das mostras. Ademais o laboratorio conta con novas balanzas analíticas para substituir ás existentes e mellorar a eficacia das pesadas.

A estas melloras súmanse os importantes acordos alcanzados coas multinacionais Dairy One e Evonik. O primeiro permite a Mouriscade incorporar ao seu catálogo de matrices a gran maioría das forraxes destinadas á alimentación de ruminantes, así como ampliar os parámetros analizados  incorporando indicadores sobre dixestibilidade da fibra e o amidón, calidade de proteína e de conservación de ensilados, entre outros. O segundo acordo posibilita a xeración dun novo servizo coa tecnoloxía NIR para unha ampla gama de parámetros nutricionais en máis de 50 materias primas e pensos.

Por outra banda a Deputación implementou unha aplicación para dispositivos móbiles que permite aos usuarios e usuarias do laboratorio consultar en calquera momento e lugar os certificados de análise. Tamén se realizaron melloras informáticas no laboratorio para mellorar a xestión da información e adaptala aos novos servizos NIR, e dotouse de medios para unha mellor conexión aos equipos de análise. Ademais, a planta de biogás coa que conta Mouriscade conta agora tamén con conexión á rede de datos para operar en remoto e facer seguimento de maneira continua da información xerada. O investimento total no conxunto de accións realizadas en 2021 supera os 150.000 euros.

Máis equipos en 2022

As melloras continuarán ao longo deste ano co investimento de máis de 95.000 euros na adquisición de novos equipos e execución de obras. Así, dotarase ao laboratorio dun novo analizador de fibras e un dixestor de microondas e realizaranse obras de canalización e ampliación de superficies de traballo e instalacións exteriores.