null Noticia - A Finca Mouriscade segue a dar pasos cara a excelencia formando ao seu persoal en benestar animal

A Finca Mouriscade segue a dar pasos cara a excelencia formando ao seu persoal en benestar animal

O curso afonda en  aspectos sociais do benestar animal,  na  súa incidencia na explotación agrícola, en métodos de mellora e no coñecemento  anatómico e fisiolóxico dos animais

23/11/2022

A Deputación de Pontevedra segue a dar pasos cara a excelencia da Finca Mouriscade formando ao seu persoal en benestar animal. O curso, dirixido ao persoal de Gandería da Finca e enmarcado na aposta da institución provincial por modernizar, impulsar, dinamizar e consolidar este espazo como centro agrogandeiro de referencia internacional, espallarase ata o 25 de novembro nas instalacións de Mouriscade e culminará, o 14 de decembro, cunha proba de avaliación realizada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria.

Na actividade formativa sobre benestar animal, impartida pola licenciada e licenciados en Veterinaria, María Magariños, Fernando Crusat e Vicente Pérez, estase a afondar no coñecemento dos animais, dende a anatomía e fisioloxía ata a alimentación e diferencias que condicionan os distintos comportamentos e capacidades, así como na fatiga, na saúde e enfermidades e nos rexistros das explotacións gandeiras e a seguridade no traballo. Tamén na relación entre os seres humanos e os animais, o punto de vista da sociedade sobre benestar animal e a súa repercusión económica nas producións, as tendencias e perspectivas de futuro, as instalacións e equipos, aplicacións prácticas dos coñecementos de comportamento animal, actuacións ante emerxencias, lexislación e normativa sobre protección e benestar dos animais nas explotacións gandeiras, plan sanitario e intervencións en animais.

A Finca Mouriscade, que o vindeiro 2023 cumprirá 50 anos de historia, é un centro de referencia en investigación, análise e innovación agrogandeira no noroeste peninsular. Está clasificada como unha das 35 mellores ganderías de España por Índice Combinado (ICO) segundo o informe da Confederación Nacional de Asociacións de Frisoa Española (Conafe) e nas súas instalacións determínanse os principais parámetros nutricionais de forraxes, ensilados, pensos e materias primas e trabállase para mellorar a base xenética da cabana da provincia. Conta cun laboratorio acreditado pola ENAC e ten asinado acordos de colaboración cos laboratorios internacionais Rock River, Evonik e Dary One.