Aparecen no convento de Santa Clara achados arqueolóxicos excepcionais, como un cerebro saponificado e unha casula case íntegra de Idade Moderna

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, deu conta das principais novidades nas escavacións que se están a realizar no bosque, no claustro e na igrexa

14/09/2026

O Museo de Pontevedra exhibe desde hoxe as cascas do piñeiro da Caeira fronte ao que foi fusilado Alexandre Bóveda

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, explicou hoxe en rolda de prensa algunhas das principais novidades que se produciron nas últimas semanas de escavacións arqueolóxicas que se están a desenvolver desde xuño no convento de Santa Clara. O equipo de A Citania Arqueoloxía e Xestión de Patrimonio, baixo a dirección de Rafa Rodríguez, arqueólogo da Deputación, atopou novas evidencias sobre elementos arquitectónicos no bosque e no claustro, mentres que no interior apareceron unha serie de cadáveres que nalgúns casos contiñan elementos excepcionais que poderán dar moita información cara ao futuro aos investigadores:  unha casula completa dunha persoa soterrada cerca do altar maior da igrexa, presumiblemente datado entre os séculos XVI e XVIII, e un cerebro conservado por saponificación nun dos cadáveres aparecidos no coro baixo.

Rafa Domínguez sinalou que “novamente, Santa Clara está a arroxar luz á historia desta cidade, desta provincia; está a desvelar importantes datos históricos que converten esta escavación arqueolóxica, como xa dixen noutras ocasións, na máis espectacular de Galicia dos últimos tempos”. O vicepresidente explicou que “ea escavación entra no último mes de traballo de campo, aínda que despois queda por diante unha parte importante de procesado de laboratorio, analíticas, datacións radiocarbónicas etc”.

O director da escavación, Rafa Rodríguez, e o arqueólogo de A Citania, Israel Picón, debullaron os principais achados. Ambos coincidiron en que os máis espectaculares son os aparecidos no interior. Na nave da igrexa escavouse diante do altar maior, onde apareceu un corpo que consideran que podería ser de época moderna (séculos XVI a XVIII) e que conserva unha casula case íntegra e na que se poden apreciar detalles do deseño. A aparición de téxtiles en contextos arqueolóxicos en Galicia é algo escaso, con moi poucos precedentes, como os fragmentos de indumentaria do castelo de Pambre ou o sudario do relicario de Santa Susana na catedral de Santiago. Hai outras dúas tumbas escavadas nesa zona e dúas máis, neste caso de infantes ou infantas, nun lateral, cerca do altar da Virxe dos Desamparados.

No coro baixo escavouse unha zona na que apareceron tres tumbas completas. Deses tres corpos case non se conservan restos óseos, pero nun deles apareceu o cerebro saponificado. A saponificación dun cerebro é un proceso pouco habitual, que pode producirse en ambientes húmidos grazas á alta proporción de graxa do cerebro, pero é moi raro a nivel mundial. Segundo sinalou Rafa Martínez “coas características do caso de Santa Clara non se coñecen no noso contexto xeográfico”. Non se coñece a datación, pero estímase que se situaría entre os séculos XVI e XIX, polo que sería o primeiro caso documentado destas características na península ibérica. A súa investigación permitirá arroxar importante información sobre aspectos como a saúde, a dieta e a idade. Agora mesmo o cerebro está na Universidade de Santiago para o seu estudo. 

Xa no exterior, no bosque documentouse unha estrutura rectangular nova ao sur do muro que xa aparecera previamente nesta mesa escavación. Parece que podería tratarse dun dos elementos estruturais máis antigos do recinto, con materiais asociados de finais do século XIV, quizais unha estrutura anterior ou coetánea ao inicio da construción do convento, e da que aínda non se coñece a funcionalidade.

No que respecta ao claustro, no punto onde se documentou unha rampla da que se descoñecía a súa funcionalidade nin uso, procedeuse a seguir traballando segundo os criterios dos técnicos da Dirección xeral de Patrimonio, e debaixo documentouse un cadáver, reforzando a idea da existencia de tres alas do claustro nun momento inicial.