INFILTRACIÓNS. DALIA. MARTA PAZOS
Comisario: Iñaki Martínez Antelo
Dalia é o título do proxecto que a artista Marta Pazos (Pontevedra, 1976) presenta dentro do ciclo de exposicións Infiltracións, que ten como propósito realizar intervencións específicas relacionadas con obras do Museo de Pontevedra.
Cada ano convídanse dous artistas a investigar e traballar coa colección, como unha maneira de fomentar a construción colectiva de aprendizaxes e incorporar progresivamente novas miradas e discursos ao museo, ofrecendo novas lecturas sobre os seus fondos.
Nesta ocasión, Infiltracións intégrase no contexto da 32 Bienal de Pontevedra, que propón como eixo de reflexión Volver a ser humanos, unha chamada a repensar a condición humana desde múltiples perspectivas.
Marta Pazos é directora de escena de teatro e ópera, escenógrafa, dramaturga e artista visual. Nas súas montaxes, a cor aparece de maneira radical para impactar na retina do público e transformar a súa percepción. Así é tamén en Dalia, onde homenaxea a súa avoa a partir das flores do seu xardín, que conectan coas obras con motivos florais conservadas no Museo.
Así o describe a artista:
O último abrazo que lle din a Dalia foi no seu xardín, un ano antes de que se fose.
Era 2020 e durante todo ese ano foi imposible ir vela.
Eu traballaba con moita xente e non quería poñela en perigo.
Non poder despedirse é unha ferida.
Ela comunicábase connosco a través das flores. Era a súa forma de dicir «quérote».
Saír da súa casa cun gran ramo era unha beizón.
Dalia é unha peza de volta ao fogar, ese gran abrazo de despedida.
A partir do rexistro fotográfico das flores de Dalia e a súa posterior intervención para convertelas en algo etéreo, constrúo un xardín vertical que asolaga de cor a fachada do Museo de Pontevedra e traspasa ao seu interior deixando o seu rastro luminoso.
Ao longo da súa traxectoria, Marta Pazos, reescribiu textos clásicos e contemporáneos desde unha mirada singular, traballando nalgunhas das institucións culturais máis destacadas de España, como o Gran Teatre del Liceu, o Teatro Real, o Centro Dramático Nacional, o Teatro da Abadía ou o Teatre Lliure. Tamén presentou as súas creacións en escenarios de Europa, África e América Latina, consolidándose como unha das voces máis innovadoras do panorama escénico europeo.
Con Dalia, o seu universo creativo desprégase nunha clave fondamente íntima, poética e visual, transformando o Museo de Pontevedra nun espazo de memoria, emoción e beleza compartida.