Conferencia de Javier Barón Thaidigsmann: “A personalidade artística de Fernando Álvarez de Sotomayor (1875-1960)”

Xoves 21 de maio de 2026, ás 19:00 h, no Edificio Castelao

Javier Barón Thaidigsmann

O xefe da colección de Pintura do Século xix do Museo Nacional del Prado e comisario da exposición que lle dedicou a Sotomayor a Fundación Barrié, ofrece unha conferencia na que abordará esta figura central da arte española e galega de finais do xix e da primeira metade do xx, da que o Museo de Pontevedra conserva e exhibe obras de gran relevancia coma Festa galega.

Sotomayor foi un dos pintores máis destacados da súa xeración en España, cunha traxectoria marcada polo éxito desde a súa formación en Roma a finais do século xix. Acadou recoñecemento internacional tanto polas súas composicións de temática mitolóxica coma polo seu labor docente en Chile, e consolidouse á súa volta como un brillante retratista influído polos grandes mestres clásicos. Nomeado director do Museo del Prado en 1922, destacou tamén polos seus cadros de costumes, nos que recrea con cor viva e luz intensa escenas da vida popular galega, especialmente romarías e procesións, tratadas cunha pincelada ampla e expresiva.

Javier Barón Thaidigsmann, cunha sólida e recoñecida traxectoria académica e profesional, é xefe do Departamento de Pintura do Século xix do Museo del Prado desde 2003. Comisariou numerosas exposicións de prestixio no Museo del Prado e é autor de destacadas publicacións sobre arte dos séculos xix e xx, entre elas estudos recentes sobre Sotomayor. A súa carreira foi recoñecida con múltiples premios e distincións nacionais e internacionais que avalan a súa autoridade como especialista na materia.