32.ª Bienal de Pontevedra
Comisario: Antón Castro. Comisaria adxunta: Agar Ledo
A 32.ª edición da Bienal de Arte de Pontevedra terá o Museo de Pontevedra como epicentro e estenderase por toda a cidade, que se converterá nunha protagonista máis ao albergar nas súas prazas, fachadas e edificios emblemáticos as obras de máis de sesenta artistas internacionais de primeiro nivel.
Co título “Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais”, búscase reflexionar acerca de varios temas que reflicten o momento actual da arte e dos desafíos da sociedade contemporánea.
A historia da humanidade estivo marcada pola guerra, un fenómeno que deixou fondas pegadas na nosa identidade colectiva. En conflitos actuais coma o de Rusia e Ucraína, os enfrontamentos en Gaza, Líbano, Sudán ou Malí, entre outros, a violencia segue afectando millóns de persoas. Na súa 32.ª edición, a Bienal de Pontevedra aborda estes temas, analizando as guerras non só como combates bélicos, senón como crises que destrúen o tecido social, emocional e económico das sociedades. Inspirada por pensadores coma Rob Riemen e Susan Sontag, a exposición propón que, para superar estes conflitos, os seres humanos deben “volver a ser humanos”, recuperando a súa capacidade de reflexión e empatía. A través da arte, da espiritualidade e da imaxinación, búscase ofrecer unha resposta de esperanza, e convidar á reflexión e á curación colectiva. Estes preséntanse como ferramentas esenciais para reconstruír o que a guerra tentou destruír.
Mediante metáforas, símbolos e narrativas alternativas, procúrase tender pontes entre as diversas experiencias humanas, entre o visible e o invisible, o real e o imaxinado. O obxectivo é crear un raio de esperanza que impulse a humanidade para reencontrarse consigo mesma, a reconstruír un futuro onde a guerra non sexa o destino, senón a superación da escuridade a través da luz, do amor e da verdade. Só mediante este retorno ao humano, o rescate da memoria e unha comprensión profunda, podemos aspirar a un mundo no que a guerra non sexa a resposta, senón un recordatorio dunha crise que nos ensinou a importancia de ser humanos.
Toda a información en https://bienal.depo.gal.