O Museo de Pontevedra acollerá en outubro o IV Encontro do ICOM, a principal cita de museoloxía a nivel español

O IV Encontro de Museoloxía ICOM-España terá como tema “Coleccións almacenadas: (re)definir e (re)organizar. O desafío da sostibilidade medioambiental e social”.

08/06/2025

IV Encontro do ICOM no Museo de Pontevedra

DO Museo de Pontevedra acollerá, do 16 ao 18 de outubro, a cuarta edición do Encontro de Museoloxía ICOM-España, a cita de carácter trienal que reúne representantes dos principais museos españois para debater sobre a súa realidade, tendencias e perspectivas de futuro. Pontevedra segue a estela de Madrid, Valencia e San Sebastián, que foron as sedes das anteriores edicións. Nesta ocasión, o tema a tratar será “Coleccións almacenadas: (re)definir e (re)organizar. O desafío da sostibilidade medioambiental e social”.  A información completa do encontro atópase en https://www.icom-ce.org/iv-encuentro-de-museologia-icom-espana/.

O Encontro de Museoloxía de ICOM-España é un foro de presentación de experiencias e intercambio de coñecementos entre os profesionais dos museos. Segundo explica a presidenta do comité español do ICOM (Consello Internacional de Museos),  Mª Auxiliadora Lllamas, “os profesionais de museos entendemos que as coleccións almacenadas nas nosas institucións necesitan unha redefinición ante os desafíos do mundo actual”.

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, destaca que a escolla do Museo de Pontevedra como sede “sitúa o Museo como un referente no ámbito da museoloxía estatal, abrindo novas vías de colaboración e proxectos compartidos”. Para Domínguez, “este evento proxecta Pontevedra como unha cidade impulsora de grandes acontecementos culturais. Agora estamos mergullados na organización da Bienal, pero non deixamos de traballar noutros eventos de primeiro nivel que afianzan Pontevedra como referente pola aposta pola cultura e o coñecemento”.

A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, resalta que “a celebración deste encontro no noso centro é un recoñecemento ao traballo que vimos desenvolvendo, que é valorado entre os profesionais do noso ámbito”. Engade Tilve que “o Museo de Pontevedra, ademais de conservar, exhibir e divulgar unha colección ampla e valiosa, fai un importante traballo de investigación que se materializa en foros como este, que se une ao encontro Facedoras de Cultura, que realizaremos en xullo en colaboración co CSIC, o Congreso Nacional de Numismática, que acollemos o ano pasado ou os Encontros de Conservación e Restauración e as Xornadas de Educación que organizamos cada ano”. 

O IV Encontro de Museoloxía abordará o estado actual e os desafíos a futuro das coleccións almacenadas, e os espazos que as albergan desde unha dobre perspectiva. Por unha banda, a través do estudo e presentación de novos modelos das reservas dos museos, e por outro, a través da redefinición das mesmas, ao amparo de criterios de sostibilidade ambiental e social, que as doten de novos usos e de novos modos de relación entre as institucións museísticas.

O programa do evento contará coa participación de expertos internacionais como Gaël de Cuinchen, membro do grupo de traballo de coleccións almacenadas de ICOM, Víctor Cageao, director das Coleccións Reais, Roman Aebersold, do Museo Nacional Suízos, Juliette Raoul Duval, vicepresidenta de ICOM Europa, Hélène Vassal, directora de coleccións do Museo do Louvre, entre outras figuras de relevancia no ámbito da museoloxía. Tamén participarán directores e directoras dalgúns dos principais museos galegos, como CGAC, Museo das Peregrinacións, Museo Arqueolóxico de Ourense ou Museo de Belas Artes da Coruña, ademais da directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve.

Xunto a conferencias, mesas redonda e debates, o programa inclúe visita guiada ao Museo de Pontevedra e unha xornada de visitas culturais a outros museos galegos. A inscrición está xa aberta a través da web do ICOM. Tamén se abriu o prazo para a presentación de comunicacións, que terán que enviar un resumo da súa proposta antes do 30 de xuño.