Micromuseo. Concurso de microrrelatos audiovisuais

Micromuseo é un proxecto educativo e creativo que propón unha nova forma de achegarse ao patrimonio cultural a través da linguaxe audiovisual e da narración breve. A súa esencia reside en transformar o museo nun espazo vivo, onde a interpretación, as pezas, as temáticas, os artistas e as historias que o habitan se convertan en materia prima para a imaxinación do alumnado.

Impulsado pola Deputación de Pontevedra a través do Museo de Pontevedra, Micromuseo concrétase como un certame audiovisual dirixido a estudantes de centros escolares da provincia de Pontevedra. A través desta iniciativa, o alumnado participa en grupo na creación de microrrelatos audiovisuais en lingua galega, dunha duración determinada e cunha temática dada. A participación organízase en grupos de entre dous e cinco estudantes, acompañados por unha persoa representante do centro, e estrutúrase en tres categorías: 5.o e 6.o de primaria, educación secundaria, e bacharelato ou ciclos formativos.

Preténdese, a través dos microrrelatos audiovisuais, impulsar a capacidade de síntese e a creatividade como ferramentas de comunicación contemporánea, ao tempo que promover o uso do galego. O proxecto contempla tamén un sistema de recoñecemento que pon en valor o esforzo creativo e colectivo do alumnado, con premios por categoría.

Micromuseo inscríbese, ademais, no marco do Día Internacional dos Museos e reforza o papel destas institucións como espazos de educación e investigación. Así, máis alá dunha convocatoria concreta, constitúe unha plataforma aberta e dinámica que conecta educación, cultura e tecnoloxía, e converte o museo nun lugar accesible, participativo e orientado á creación audiovisual contemporánea.

2026

A terceira edición do certame está dedicada ao mundo do mar e á súa memoria. O alumnado debe buscar e indagar sobre algunha das variadas pezas da colección do Museo de Pontevedra relacionadas co mar: paisaxes mariñas coma as das obras de Francisco Lloréns, Imeldo Corral, Eliseo Meifrén, entre outras e outros, con vistas de lugares coma Combarro ou o antigo barrio da Moureira; tamén pinturas que recollen a vida mariñeira, coma as de Castelao, Manuel Torres ou Serafín Avendaño, e esculturas da mesma temática coma as de Camilo Nogueira e Xosé María Acuña. A isto únense pezas dos fondos etnográficos relacionados coa pesca ou coas embarcacións tradicionais, pezas arqueolóxicas da época castrexa e galaico-romana e incluso fondos bibliográficos e fotográficos.

O prazo para presentar os traballos comeza o 27 de xaneiro e remata o 22 de maio. Os centros escolares interesados en participar deben inscribirse por vía electrónica a través da Sede electrónica da Deputación.

Haberá un primeiro e un segundo premio por categoría, valorados en 2.000 e 1.000 euros, respectivamente, o que fai un total de 9.000 euros. Con estes recursos, os centros poderán adquirir material, realizar saídas educativas, entregarlle bolsas ao alumnado ou realizar outras actividades relacionadas coa súa programación. Ademais, cada un dos seis premios irá acompañado dun lote de tres libros do Museo de Pontevedra.

actividades
2025

A segunda edición do concurso Micromuseo dedicóuselle á obra de Castelao, coincidindo co 75.o aniversario do falecemento desta figura indispensable para o museo en particular e, en xeral, para a cultura galega.

Os equipos participantes debían presentar un microrrelato en lingua galega en formato audiovisual, de non máis de 120 segundos, relacionado con algunha das pezas pertencentes á obra do escritor, político e artista galeguista que se custodian e expoñen no Museo de Pontevedra. Establecéronse tres categorías: a primeira, para estudantes de 5.o e 6.o de primaria; a segunda, para alumnado de educación secundaria; e unha terceira, para estudantes de bacharelato ou ciclos formativos.

Premiados

actividades
2024

A Deputación de Pontevedra, a través do Museo de Pontevedra, convocou en 2024 a primeira edición do concurso Micromuseo, un certame audiovisual onde cada grupo participante presentou un microrrelato en lingua galega en formato audiovisual, de non máis de 60 segundos, que tiña como eixe temático ou argumental os distintos edificios que compoñen o Museo de Pontevedra ou calquera das pezas expostas nel.

Premiados

actividades