null Noticia -

A Deputación inaugura a VI Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros que acolle a Finca de Mouriscade

A deputada provincial Belén Cachafeiro inaugura na finca da Deputación en Lalín unha formación de cinco xornadas para mozas e mozos na que aprenderán a dirixir unha explotación gandeira

29/07/2025

Belén Cachafeiro

A deputada provincial Belén Cachafeiro deu a benvida aos participantes da sexta edición da Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros que comezou este luns na Finca de Mouriscade, un centro de titularidade da Deputación de Pontevedra que se ten convertido en  referencia a nivel nacional no ámbito da gandería. “Sentímonos moi orgullosos de acoller unha escola como esta nas nosas instalacións, que pon en valor a importancia do sector primario para a provincia de Pontevedra”, subliñou Cachafeiro no acto de apertura da nova edición da actividade.

A boa acollida que está a ter esta iniciativa, promovida pola Federación de Frisona de Galicia e o Club de novos gandeiros en colaboración co organismo provincial, demostra que o rural da provincia ten pasado, presente e futuro. Neste eido, a deputada provincial subliñou que “a gandería conformou desde o pasado boa parte da nosa cultura e tradicións e hoxe é un dos grandes motores económicos e de emprego da provincia ao que, vendo o que vemos hoxe nesta escola, lle agarda un futuro prometedor”.

A sexta edición desta escola estará en funcionamento ata o 1 de xullo. Ao longo de cinco xornadas, os participantes, que teñen idades comprendidas entre os 8 e os 25 anos; experimentarán en primeira persoa o traballo diario que hai que facer nunha explotación gandeira nun ambiente de traballo agradable, rodeados de amigos e guiados polos profesionais da Finca Mouriscade. Está previsto que teña lugar a sétima edición da escola en agosto, entre os días 18 e 22.

A Finca de Mouriscade

A Deputación de Pontevedra investiu nestes dous primeiros anos de mandato de Luis López 4,1 millóns de euros na Finca Mouriscade que a levan, xa, a situarse no segundo posto de toda España co mellor índice combinado (ICO) e no terceiro por mérito económico. En liñas xerais investíronse 3,1 millóns de euros na mellora das estruturas e sistemas produtivos e outro millón de euros máis para o desenvolvemento directo do medio rural a través de Mouriscade con actuacións como a mellora das instalacións e equipamentos; o impulso da calidade xenética dos animais; ou con acordos para a avaliación xenómica da eficiencia alimentaria, para ensaios de campo sobre cultivos e abonos, para colaborar con centros de referencia mundiais como Daire One (Estados  Unidos de América) ou Evonik (Alemaña) para análises NIR adaptadas ás necesidades dos sectores gandeiro e agroalimentario ou para poñer en marcha a Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros que hoxe acaba de ser inaugurada en Lalín.