null Noticia -

A Deputación de Pontevedra avanza investimentos próximos aos 600.000 euros na Finca Mouriscade

O deputado provincial Jorge Cubela presidiu o Comité de Seguimento de Mouriscade, onde se informou das actuacións para mellorar a capacidade e a fiabilidade dos resultados do laboratorio, así como das obras e adquisicións para a gandería

26/11/2024

A Deputación de Pontevedra anunciou na reunión do Comité de Seguimento da Finca Mouriscade melloras no laboratorio e na gandería que suporán un investimento próximo aos 600.000 euros por parte da institución provincial. A reunión foi presidida polo deputado de Reto Demográfico, Jorge Cubela, e contou coa asistencia, ademais de persoal técnico da Deputación, con representantes de Africor Pontevedra, Fefriga, O Rodo, Campodeza e as Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG).

No relativo á previsión de melloras a realizar na Finca Mouriscade, a Deputación informou da adquisición de novos equipos por valor de preto de 300.000 euros co obxectivo de conseguir unha maior capacidade analítica e fiabilidade de resultados. Tamén se conseguirá optimizar o consumo de reactivos, así como reducir os tempos de operación e de análise. O maior investimento será para cinco analizadores de fibra (133.000 euros), seguidos dun espectrómetro ICP para analizar elementos minerais a concentracións máis baixas (85.000 €), un sistema de dixestión Kjedahl para a análise de proteína bruta (45.000 euros) e unha balanza de precisión (10.000 euros).

Tamén se ampliará a acreditación ISO 17025 a máis parámetros e se implantará un sistema de xestión de calidade baseado na norma ISO 9001. Este segundo resulta crucial ao abarcar todas as actividades do laboratorio (a 17025 só inclúe ensaios específicos), o que proporcionará unha estrutura de xestión de calidade completa, robusta e que promove unha mellora continua con eficiencia operativa en todos os niveis da organización. Ademais, realizaranse melloras no software de xestión do laboratorio para, entre outros resultados, mellorar os prazos de resultados no sitio web de Mouriscade. Estas actuacións suman máis de 30.000 euros.

Ademais, o deputado provincial informou tamén ao Comité de Seguimento de Mouriscade de outros 300.000 € de investimento na zona de gandería. Construirase unha nova nave para lactantes, cun orzamento de 180.000 euros, e tamén se realizarán obras na cuberta da zona principal da granxa, con outros 92.000 euros mobilizados. Ademais, adquiriranse embrións por 32.000 euros e tamén se dedicarán outros 7.000 euros para a adquisición dun equipo de limpeza por cable. Tamén se informou de que na actualidade xa está en licitación un novo contrato para a subministración de embrións bovinos de alto valor xenético, por importe de 130.000 euros para os anos 2025 e 2026.

Por último, Jorge Cubela avanzou que a institución provincial vai reforzar o seu compromiso coa Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros, para o que xa está comprometida unha achega de 10.000 euros a FEFRIGA (Federación Frisoa Galega) nos orzamentos de 2025 da institución provincial. Ademais, no primeiro trimestre do ano asinarase un novo convenio con CONAFE (Confederación de Asociacións de Frisoa Española) para renovar a colaboración na eficiencia alimentaria na raza frisoa.