X Xornada de Onomástica Galega. Os Nomes do Mar

Sábado 4 de outubro de 2025 no Edificio Castelao

X Xornada de Onomástica Galega. Os Nomes do Mar

A X Xornada de Onomástica Galega, organizada pola Real Academia Galega en colaboración coa Deputación e co Museo de Pontevedra, estará dedicada aos nomes do mar. O programa, aberto a todo o público, afondará na riqueza da microtoponimia das terras ribeiregas e mais nos nomes das áreas mergulladas, as realidades invisibles dos fondos mariños.

A xornada, que ten lugar cada ano no Museo de Pontevedra, olla nesta ocasión cara aos preto de 1.500 quilómetros de litoral cos que conta Galicia, que chegan a 2.500 se se teñen en conta os que rodean as súas illas e os das marismas e areais. Durante séculos, este espazo xerou milleiros de nomes. Na actualidade, este tesouro cultural corre o risco de se perder por mor dos cambios profundos que trouxeron a tecnoloxía da navegación e a industrialización da pesca.

A X Xornada de Onomástica Galega exporá diversas experiencias centradas na súa preservación e divulgación, e que poden servir, ademais, de inspiración para poñer en marcha outras iniciativas co mesmo propósito.

Inscrición e programa en https://academia.gal/formulario-de-inscricion