null Noticia - Luis López presenta unha liña de axudas para o sector agrogandeiro

Luis López presenta en Rodeiro unha liña de axudas de 250.000 euros para o sector agrogandeiro da provincia como mostra do compromiso da Deputación co rural

O presidente provincial mantivo un encontro na cooperativa O Rodo con cooperativistas do sector primario para explicar as iniciativas de apoio impulsadas polo goberno provincial e a súa vontade colaborar cun colectivo vital para a economía e o emprego

22/05/2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosou o apoio do goberno provincial ao sector agrícola e gandeiro da provincia, ao que definiu como un motor económico e de emprego de primeira orde e un colectivo fundamental para afrontar o reto demográfico no rural. Nun encontro con cooperativistas do sector primario de toda a provincia, o titular da Deputación presentou as liñas mestras da convocatoria de axudas na que traballa o executivo provincial que disporá dun orzamento de 250.000 euros. “Estamos na fase de sacar a orde de axudas que se viña facendo habitualmente, pero non queremos facelo sen escoitarvos. Queremos coñecer as propostas que teñades, as novas necesidades que foron xurdindo ou os problemas que tivestes. Queremos recoller todo iso para canalizalo na orde de axudas”, explicou Luis López durante o encontro.

Acompañado polo deputado responsable de Medio Ambiente, Marcos Guisasola, o presidente reuniuse con representantes do sector na cooperativa O Rodo; unha entidade consolidada que no último ano vén realizando importantes investimentos en modernización de maquinaria para apostar pola tecnoloxía no agro. Así, López recalcou que desde a Deputación o rural é entendido como unha parte fundamental para a economía e o emprego da provincia, para a saúde, ao levar aos mercados os mellores produtos do campo; e para afrontar con garantías o reto como o demográfico. Así mesmo, amosou a súa comprensión polos problemas que están a afectar aos profesionais do sector primario. “Somos conscientes de toda a problemática que tedes á que se suma a alta carga burocrática que hai”, recoñeceu López, convencido de que co apoio da Deputación e co carácter e determinación dos profesionais, superarán as adversidades.

Ademais desta convocatoria de axudas, a Deputación apoio ao sector primario da provincia a través de iniciativas como a colaboración coa Fundación Semana Verde de Silleda cunha achega de 150.000 euros para colaborar coa programación e organización das súas actividades ou cooperación con Feira Deza de Lalín, a través da doazón de nove lotes de embrións que serán entregados aos gañadores das distintas categorías do certame, así como a achega de dúas xovencas de excelente pedigree para sortear entre todos os participantes ou a subasta dunhas vinte cabezas de gando. Exemplares, todos eles, saídos da Finca Mouriscade, un centro de referencia dependente da Deputación para garantir unha produción de carne e leite de excelente calidade.

A Finca Mouriscade é o centro de referencia para o sector agrogandeiro da provincia

De feito, o titular do goberno provincial avanzou tamén aos cooperativistas que a Finca Mouriscade adquirirá un novo analizador de minerais e catro analizadores automáticos de fibra bruta que permitirán ampliar o número de mostras a analizar no laboratorio e, en consecuencia, a mellorar a atención e os servizos aos gandeiros. Do mesmo xeito, a través do viveiro de empresas de Lalín tamén se presta un apoio vital ao tecido empresarial e emprendedor do Deza.

Despois de agradecer a asistencia aos cooperativistas e expresar a súa “ledicia” por presentar estas subvencións en Rodeiro, “a miña casa”; Luis López amosou a súa sensibilidade co sector agrogandeiro. “Eu crieime no campo, sei como é o traballo, que un domingo é igual que un martes”, sinalou Luis López antes de cederlle a palabra aos cooperativistas para coñecer as súas inquedanzas.