A Finca

A Deputación de Pontevedra, consciente da importancia do sector gandeiro na economía do norte da provincia, dispón dun centro cun terreo e un laboratorio no termo municipal de Lalín, coñecido como Finca Mouriscade e dedicado a:

  • Analizar forraxes, pensos e materias primas destinadas á alimentación animal, identificar xermes e antibiogramas en mostras de leite e analizar augas destinadas tanto a consumo humano coma animal
  • Desenvolver o Programa de mellora xenética nas explotacións da provincia mediante o servizo de transferencia embrionaria

A Finca Mouriscade mantén unha estreita relación coas empresas e cooperativas do sector agropecuario e desenvolve proxectos de colaboración tanto con entidades públicas coma privadas. A Deputación traballa para que as súas instalacións sexan sempre un referente para o sector.

“…O noso obxectivo é dar un servizo rápido, fiable e con total independencia das partes que poidan estar implicadas no sector"

Historia da Finca Mouriscade

O laboratorio da Finca Mouriscade foi creado en 1990 pola Deputación de Pontevedra co obxectivo de dar resposta ás necesidades do sector gandeiro, mellorar as explotacións da provincia e aumentar a calidade do leite que producen. En 2015 renováronse as súas instalacións, con preto de 1.700 metros cadrados, e incorporouse nova maquinaria coa que satisfacer a gran demanda do sector.

A implicación da institución provincial no desenvolvemento da agrogandería comezou en 1973, cando realizou un estudo sobre os animais das explotacións da provincia que confirmou a ausencia de cabezas de alta calidade. A raíz deste traballo a Deputación adquiriu a Finca Mouriscade, que conta cunhas 44 hectáreas de terreo, e comezou a importar vacas frisoas doutros países europeos para introducilas e recrialas na provincia.

A seguinte aposta da Deputación foi a creación do laboratorio, en 1990, que traballa na seguridade agroalimentaria a través de análises de forraxes, pensos e materias primas, análises de augas e a identificación de xermes e antibiogramas en mostras de leite.

A día de hoxe realízanse análises tanto para as explotacións gandeiras da provincia (para as que son de balde) coma para o resto de España, Portugal e incluso outros países europeos, desde os que hai unha gran demanda. De feito, realízanse máis de 60.000 análises de mostras cada ano.