null Noticia - PRIMEIRA POXA GANDO MOURISCADE

Éxito da primeira poxa pública de gando vacún da Finca Mouriscade, na que participaron 22 empresas

No proceso adxudicáronse unha vintena de vacas de raza frisoa de alto valor comercial, cun prezo medio de 2.300 euros e cun valor máximo acadado de 3.800 euros

14/07/2023

Éxito da primeira poxa pública de gando vacún da Finca Mouriscade que acaba de celebrarse nestas instalacións da Deputación de Pontevedra e na que participaron 22 empresas da provincia e doutros puntos de Galicia. Na poxa vendéronse unha vintena de vacas de raza frisoa que formaban parte da gandaría da Finca e contan cun gran valor comercial para continuar a súa vida produtiva nas explotacións lácteas. A poxa foi seguida por numeroso público, entre o que figuraba a rapazada que participou ao longo desta semana na primeira Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros, organizada pola Federación Frisoa Galega en colaboración co Clube de Xóvenes Gandeiros, e que se clausurou tamén hoxe en Mouriscade.

Con prezos de saída dos animais entre os 462 e os 1.925 euros, o prezo medio de venda das reses na poxa foi de 2.300 euros, acadándose nun dos casos os 3.800 euros. A meirande parte das empresas participantes proviñan do municipio de Lalín, aínda que tamén se presentaron firmas doutros concellos da provincia, como Rodeiro, Vila de Cruces, Silleda ou Marín, así como de municipios de Lugo e A Coruña. Algúns dos nenos participantes na Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros tamén tomaron parte activa no evento, acompañando aos traballadores de Mouriscade na presentación de dous dos lotes da poxa.

A gandería de Mouriscade atópase entre as 12 mellores de España. A finca conta cunha granxa experimental en selección xenética, na procura da eficiencia produtiva das explotacións gandeiras da provincia, coidando o benestar animal e o respecto polo medio ambiente. Nela lévase a cabo un programa de mellora xenética “vía femia” coa implantación de embrións recollidos dos animais elite da granxa e faise un seguimento científico da saúde e manexo do gando, monitorizándose os datos produtivos e transferindo o coñecemento adquirido ás explotacións gandeiras, cooperativas e empresas do sector na provincia.