null Noticia - REHABILITACIoN CUBERTA GRANXA MOURISCADE

A Deputación remata as obras de rehabilitación da cuberta da naves da granxa da Finca Mouriscade

A institución provincial investiu preto de 130.000 euros para mellorar tanto a cuberta como a estrutura da edificación

19/06/2023

A Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras de rehabilitación integral da cuberta dunha das edificacións que compoñen a granxa da Finca Mouriscade, nas que investiu preto de 130.000 €. Co paso do tempo, tanto a cuberta como a estrutura da nave atopábanse deterioradas polo que a través desta actuación téñense substituído ambos elementos por outros novos, con mellores prestacións, que permitirán prolongar, deste xeito, a vida útil do edificio e garantir, por outra banda, o benestar animal.

A edificación, que conta cunha superficie total de 427,67 m2, ten unha zona destinada a cadras para o acubillo de animais, con estrutura vista e permeable ao exterior, e outra dedicada a oficinas e estancias de investigación e servizos, que se atopa illada con paneis sándwich polo interior da edificación.

Ante o estado da cuberta, que tiña filtracións de auga, instalouse unha nova estrutura e construíuse unha nova superficie portante e cimentación, remates, baixantes e caleiros, co obxectivo de resolver os problemas. Desta maneira, mudouse a antiga placa de fibrocemento con amianto de cubrición da cuberta por panel sándwich de aceiro prelacado. Ademais, a estrutura modificouse construíndo uns novos pilares sobre zapatas e novas cerchas de soporte da cuberta.

Galerías de imaxes