null Noticia -poxa de gando frison de Feiradeza con animais da Finca Mouriscade

A Deputación regresa á tradicional poxa de gando frisón de Feiradeza con animais da Finca Mouriscade

Terá lugar este domingo ás 11:45 horas e ofreceranse un total de 21 vacas cun prezo de saída aproximado de 2.000 euros

07/06/2024

A Deputación de Pontevedra participará este domingo 9 de xuño no marco da XXXIX Feiradeza, o Open Internacional de raza frisona, na edición número 15 da Poxa de Gando Frisón, que contará con 21 animais procedentes da Finca Mouriscade. A cita terá lugar no Lalín Arena, onde se celebra a feira dende hoxe e ata o mesmo domingo, ás 11:45 horas e non é necesario realizar un rexistro previo para poder poxar.

A Deputación volve participar despois de dous anos nunha cita que sempre ten unha gran acollida entre os gandeiros, onde porá á venda vacas cun prezo de saída aproximado de 2.000 euros. Entre os animais, atópanse varias recentemente paridas por vez primeira, vacas de segundos partos con familias moi boas ou excelentes e tamén exemplares de alta produción.

Ademais da poxa, a institución provincial colabora con Feiradeza a través da Finca Mouriscade aportando dúas xovencas preñadas, así como nove lotes de embrións para sortear entre todas as ganderías participantes.