Gandería - Finca Mouriscade
“A Finca Mouriscade é un centro experimental, pertencente á Deputación de Pontevedra, dedicado principalmente á selección xenética de animais da raza Holstein”
SERVIZOS GANDEIROS
Colaboración con outros organismos e institucións
Mouriscade mantén acordos con distintos organismos, empresas e institucións para levar a cabo ensaios que poidan ser beneficiosos para o sector gandeiro. Destaca o convenio asinado coa Confederación de Frisona Española para a toma de datos de eficiencia alimentaria, a emisión de gases de efecto invernadoiro e a saúde, o que permite valorar eses parámetros nas probas xenómicas das frisonas. (foto básculas e robot)
Formación
Mouriscade serve como un punto de encontro para o sector da gandería, mediante a organización de charlas, xornadas e seminarios, e tamén colabora na formación das e dos profesionais do sector.
Ademais, o alumnado interesado realiza prácticas no centro a través de convenios con universidades e escolas de formación profesional.
Participación en feiras e exposicións de gando
Mouriscade participa en distintas feiras e contribúe a dinamizalas ao entregarlles embrións como agasallo ás ganderías gañadoras e sortear animais entre as participantes.
Servizo de implantación de embrións
Coñecedora da importancia de producir alimentos para a cidadanía dunha maneira máis eficiente, sostible e respectuosa co medio, a Deputación de Pontevedra desenvolve un programa de mellora xenética nas explotacións da provincia mediante a produción e a implantación de embrións bovinos, procedentes do 1 % dos mellores exemplares da raza frisona a nivel mundial.
A nosa intención é acelerar a capacidade reprodutiva dos animais “elite” das explotacións para incrementar a velocidade do progreso xenético dos rabaños da provincia.
Desde 2004 Mouriscade desenvolve un programa de mellora xenética “vía femia” cun gran respaldo do sector gandeiro, a través do cal se transfiren 5.000 embrións en 250 ganderías da provincia.
Desde 2006 a Finca Mouriscade é un centro autorizado pola Consellería de Medio Rural e polo Ministerio de Agricultura para o intercambio intracomunitario do material xenético producido nas nosas instalacións.
En Mouriscade teñen como prioridade o benestar dos nosos animais, polo que todo o persoal da gandería conta con formación e titulación en benestar animal.